domingo, 20 de março de 2011

Tamén as bágoas, ... por Manuel Santos

Experiencia sobrada deberiamos ter con esas leis que, co discurso de regulamentar, racionalizar, aumentar a eficiencia, garantir a competencia ou calquera outra proclama populista, agochan sempre unha transferencia directa a mans privadas de recursos naturais, infraestruturas e capitais que pertencen a todos e todas nós.

Así, centos de empresas públicas foron privatizadas no Estado español nas últimas tres décadas sen que, segundo a profesora María del Carmen Sánchez Carreira, do departamento de Economía Aplicada da USC, existan estudos concluíntes sobre o tan adorado mito da maior eficiencia das empresas privadas fronte ás públicas. Primeiro foron as privatizacións dos gobernos “socialistas” de 1982-1996, centradas nas empresas deficitarias do INI, e despois as do executivo Aznar, que priorizou a privatización das empresas estatais máis rendíbeis e estratéxicas, como Repsol, Gas Natural, Telefónica, Transmediterránea ou Argentaria. Así, o suposto éxito da xestión económica do PP daquela -que agora estamos a pagar- de seguro tivo moito que ver con esta masiva venda de patrimonio público, entre outras cousas esixida pola UE para acceder á zona euro, e que lle reportou ao Estado máis de 5 billóns de pesetas entre 1996 e 2001.

Mais a voracidade do gran capital é tan arrepiante como a súa incapacidade para atopar novos campos de investimento produtivo. De aí que a súa actividade nos últimos anos estivese centrada nun capitalismo virtual que xa demostrou sobradamente as súas limitacións. Como resultado, o obxectivo inmediato será o asalto ás máis que seguras liñas de negocio que supoñen a sanidade, a educación, a seguridade social e… a auga, que é onde quería chegar eu.

A Lei de Augas de Galiza, aprobada en novembro de 2010, coa escusa dunha -evidentemente necesaria- racionalización do uso e mellora da calidade, é inxusta xa non só polos novos impostos que establece -nalgúns casos tamén necesarios-, senón e sobre todo porque o que realmente agocha é a súa privatización futura. Vistos os plans de axustamento estrutural que vive Europa nos últimos tempos, parece lóxico pensar que as directrices do Banco Mundial para capitalizar a auga do planeta estean no fondo da dita lei, malia que o acceso a esta sexa un dereito humano proclamado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas en xullo do ano pasado. Así, nada impide que Augas de Galicia pase totalmente a mans privadas máis cedo que tarde.

Asemade, a Lei non afecta só á súa distribución ou depuración, isto é, aos servizos relacionados coa súa xestión -que tampouco deberan ser un negocio-, senón ao elemento en si, pois inclúe tamén as captacións propias -como as das traídas veciñais-, xa sexan superficiais ou subterráneas -como os pozos- e mesmo os consumos e usos da chuvia e da auga do mar. Como as funerarias que comercian co seguro negocio da morte, o gran capital quere agora facer cartos co máis seguro aínda negocio da vida. Cómpre que como pobo reaccionemos, ou acabarán vendendo tamén a salgada auga das nosas bágoas.

27 de Febreiro de 2011

Manuel Santos, é biólogo e produtor editorial, director e cofundador de Altermundo, membro do Consello do Foro Social Galego.

http://www.altermundo.org/author/manoel/
_____________

Nenhum comentário:

Postar um comentário